INFORMACIÓN XERAL

Esta páxina web é froito dun minucioso traballo realizado no mes de Setembro de 1998.

Situación da localidade onde se realizou o traballo de campo:


San Pedro de CartelleOurenseGaliciaEspaña

Ata chegar a subir esta páxina a Internet, houbo que pasar por varias etapas:

  1. Recopilación e limpeza das ferramentas.
  2. Clasificación e numeración das ferramentas.
  3. Fotografar e escanear as fotos que tiraramos.
  4. Gravación e reproducción dun vídeo das explicacións de cada aparello dadas polo dono das ferramentas, para obte-la información precisa para a elaboración do Índice de Ferramentas.
  5. Tratamento e retoque das fotografías escaneadas.
  6. Fase de investigación, tratando de atopa-las traduccións dos nomes das ferramentas dados polo propietario en galego coloquial ós outros idiomas deste web. Algúns destes nomes non puideron ser traducidos con exactitude debido á peculiaridade das ferramentas, polo que non aparecen tódalas traduccións.

  7. Se vostede sabe a traducción deses nomes que faltan, agradeceríalle que me mandase un e-mail comunicándomo.
  8. Programación HTML do código desta páxina.
  9. Fase de probas off-line.
  10. Subir a Internet esta páxina.

Esta páxina está adicada a todo tipo de xente: simples navegantes curiosos, profesionais, investigadores, ... O obxectivo da mesma é dar a coñecer as ferramentas coas que traballaban os carpinteiros galegos de antes. Ademais tivemos a sorte de atopar un carpinteiro tan curioso no seu traballo que el mesmo deseñaba as ferramentas que lle cumprían para rematar as súas obras e coa axuda, en moitos casos, dun ferreiro construíaas de tal xeito que conseguía simula-los efectos das modernas máquinas.

O carpinteiro do que estamos a falar, Julio Álvarez Pereiras, comezou no mundo da carpintería cando aínda non contaba 10 anos e aínda hoxe con 85 segue a empregar moitas das ferramentas que aquí podemos ver. El mesmo nos contaba como cando era neno lle escapaba a seu pai, tamén carpinteiro, á hora da sesta para construír os seus propios xoguetes no taller. Ó longo da súa vida especializouse na fabricación de carros e cubas, ata que emigrou a Venezuela onde despois de traballar dous anos en varios talleres de carpintería, adicouse á contrata de obras especializándose en pontes, canles e camiños, participando en obras de gran importancia coma a Feira de exposicións de Maracay, pontes sobre o río Guaire, canalización de saneamento duns 7 Km. dende Prados del Este ata o río Guaire, pasando por Baruta e Las Mercedes, acueducto de auga potable en barrios de Caracas e construcción de varias facultades na Universidade de Caracas, entre outras.


Por último dicir que é moi distinto observa-las ferramentas na realidade a observalas na pantalla dun ordenador aínda que nós mesmos quedamos sorprendidos dos resultados acadados na maior parte das imaxes, logrando o noso obxectivo: achegar o pequeno mundo da carpintería antiga galega ó Mundo.

O uso desta páxina é moi intuitivo. Esperamos completala e actualizala pouco a pouco, con máis ferramentas (xa que reducimos a 100 as que aquí presentamos, deixando fora outras moitas por cuestións de espacio e non de importancia) e incluso con novas seccións.

Se vostede ten dúbidas ou suxerencias acerca do funcionamento deste web pode enviarme un e-mail.

Esperamos que disfrute da súa visita por este Museo Virtual.

Feliz estancia.


__
Páxina principal
Voltar á páxina principal